Esta emenda foi presentada polo colectivo denominado “Lanzadeira“, coma unha emenda de modificación á totalidade do documento de Forma de Goberno en vigor da Marea Atlántica. A continuación, recóllese o texto de motivación da emenda, así como o texto final que se propón modifique o actual.
MOTIVACIÓN DA EMENDA
O texto vixente de Forma de Goberno non contempla os diversos supostos no que ten que ver coa composición do grupo institucional da Marea Atlántica, así como os seus procesos organizativos e de rendición de contas ante a organización. As conclusións contidas nel son tamén froito das xornadas de debate encadradas dentro do proceso de Marea Viva..
A emenda á totalidade que presentamos fundamentase en tres sentidos:
1.- Adoptar o funcionamento e composición do grupo institucional ao traballo que se vén realizando nos últimos anos. Igualmente, o novo texto amplía os supostos para a consecución de pactos e acordos con outras forzas políticas en procesos institucionais como as investiduras ou a confección de equipos de goberno.
2.- Ampliar o contido no relativo á relación entre o conxunto de representantes institucionais da Marea Atlántica, e o seu persoal eventual, coa organización no tocante a rendición de contas, transmisión de información, toma de decisións e fiscalización da acción de goberno.
3.- Ampliar o contido no relativo á relación entre o conxunto de representantes institucionais da Marea Atlántica, e o seu persoal eventual, coa cidadanía no tocante a rendición de contas, acceso á información, participación na toma de decisións e fiscalización da acción de goberno.
Neste documento establécense os mecanismos precisos para levar a cabo estes obxectivos así como as garantías baixo as que se desenvolven.
A. Bloque electoral
1. Forma xurídica de presentación ás eleccións
a. Con que forma xurídica e denominación debe presentarse a Marea Atlántica ás eleccións?
A Marea Atlántica concorrerá ás eleccións municipais co seu propio partido instrumental e unicamente coa marca “Marea Atlántica”. Nestes comicios só poderá coaligarse con outras forzas de ámbito local e vocación municipalista, previo referendo por parte da Rede.
b. Que consecuencias debe ter esta forma xurídica con respecto á toma de decisións dentro do grupo municipal?
O seu funcionamento debe seguir a lóxica propia do espazo de confluencia, evitándose a conformación de bloques ou sectores. Os cargos electos da Marea Atlántica serán leais aos acordos e actuarán como unha soa voz tanto nas súas manifestacións públicas como na súa toma de decisións ou á hora de votar.
c. Que consecuencias debe ter esta forma xurídica con respecto á administración dos recursos propios do grupo municipal?
Tanto as asignacións aos grupos municipal, provincial e, eventualmente, metropolitano, como calquera outro ingreso público procedente da participación electoral, deben reverter directamente na acción da Marea Atlántica.
Ademais, as persoas incluídas no Grupo Municipal realizarán doazóns mensuais do 5% do seu salario neto, incluídas as pagas extraordinarias.
2. Financiamento da campaña electoral
a. Como se financiará a campaña electoral?
A Marea Atlántica aceptará, dentro do marco legal, as achegas que calquera persoa física estea disposta a facer.
b. Que achegas (tipo e orixe) está disposta a aceptar a Marea Atlántica?
Polo que respecta a persoas xurídicas, sempre tamén dentro do respecto ao marco legal, aceptará preferentemente as procedentes de entidades de carácter social. Estas procurarán achegar as cantidades que a súa capacidade lles permita, aínda que tales contribucións non outorgarán dereitos políticos.
En caso de necesitar financiamento externo, a Marea Atlántica recorrerá unicamente a entidades de banca ética, cooperativa ou cun alto grao de responsabilidade social.
c. En que tipo de entidade se depositarán os fondos?
En todo caso a Marea Atlántica, e na medida das posibilidades legais calquera goberno da Marea Atlántica, só traballará con entidades financeiras do espazo da banca ética, cooperativa ou cun alto grao de responsabilidade social.
3. Pactos de goberno municipal
a. Debería nalgún caso a Marea Atlántica apoiar candidatos/as á Alcaldía doutras forzas políticas?
A Marea Atlántica poderá apoiar candidatos ou candidatas doutras forzas políticas para a súa investidura en calquera institución, sempre que a Rede o considere compatible cos seus principios básicos, o seu código ético e o seu programa electoral.
b. Debería a Marea Atlántica negociar o apoio de concelleiros/as doutras listas electorais para alcanzar a Alcaldía no caso de ser necesario? Baixo que condicións se poderían realizar estes pactos?
No caso de estar a Marea Atlántica en condicións de gañar a Alcaldía da cidade ou a presidencia de calquera outra institución, pero sen a maioría necesaria para gañar a investidura en solitario, poderá chegar a acordos para asegurar a estabilidade plenaria nos asuntos estratéxicos, sempre que a Rede o considere compatible cos seus principios básicos, o seu código ético e o seu programa electoral.
c. Como e quen decidiría en última instancia os posíbeis pactos de goberno posteriores ás Eleccións?
A proposición dun pacto de goberno que implique a incorporación de representantes doutras forzas políticas —ou a entrada a formar parte dun goberno encabezado por outra forza política— será responsabilidade dunha comisión designada pola Rede. Dita comisión estaría integrada por un número impar de persoas, unhas escollidas polo grupo de goberno entre as electas e outras, en número non superior, designadas pola Rede baixo os criterios de paridade, talante conciliador e representación da diversidade e a pluralidade da Marea Atlántica.
Os termos finais deste pacto deben ser aprobados pola Rede.
Poderanse integrar no goberno representantes doutras candidaturas sempre que a Rede o considere compatible cos principios básicos, código ético e programa electoral da Marea Atlántica. O pacto debe ser ademais sometido a referendo co mesmo censo que tivo dereito a elixir a candidatura da Marea Atlántica.
4. Posición da Marea Atlántica no ámbito supramunicipal
a. Que relación debe establecer a Marea Atlántica con outros procesos municipalistas no noso país?
A Marea Atlántica aposta por participar activamente no proceso de transformación e creba democrática que está a protagonizar a cidadanía do noso país. Debe procurar o achegamento e relación, así como ofrecer o seu apoio, aos procesos municipalistas galegos que compartan os seus principios, métodos e obxectivos.
b. Debe a Marea Atlántica buscar fórmulas para acceder á Deputación da Coruña se a súa forma xurídica o permite? En caso afirmativo, cal será o procedemento?
A Marea Atlántica debe buscar fórmulas para acceder á Deputación da Coruña, buscando que tales fórmulas potencien na medida do posíbel a súa presenza na institución. A Marea Atlántica, crítica coa existencia e funcionamento das deputacións, entende estas como unha fronte máis de reivindicación e defensa do municipalismo así como dos intereses da Coruña e a súa área metropolitana.
Co obxectivo xa sinalado de maximizar as oportunidades de acceder á Deputación Provincial, a Marea Atlántica promoverá a agregación de votos cando menos no seu ámbito metropolitano, explorando a coaligazón con outras iniciativas de ámbito local e vocación municipalista que puidesen existir na nosa contorna, coa fórmula que a Rede aprobe. A decisión será competencia da Rede.
c. Debe a Marea Atlántica buscar na Deputación Provincial alianzas que faciliten unha maioría?
As persoas deputadas provinciais da Marea Atlántica deben traballar por chegar a acordos con outras forzas políticas que compartan principios e políticas homologábeis ás nosas.
d. Baixo que criterios se realizará a agregación, no seu caso, para a Deputación.
Os pactos postelectorais no seo da Deputación da Coruña ou en calquera outra institución de ámbito superior ao municipal seguirán os mesmos principios e o mesmo réxime que o sinalado para os pactos de goberno no eido municipal.
e. Como se decidirán os pactos (de os haber) neste ámbito?
Ao igual que no Concello, a proposición dun pacto de goberno será responsabilidade dunha comisión designada pola Rede. A comisión formarase do mesmo xeito que no eido municipal. Os termos deste pacto deben ser aprobados pola Rede e sometidos a referendo co mesmo censo das primarias.
B. Bloque de goberno
5. Relación do Grupo Municipal coa Marea Atlántica
a. Como se relaciona o Grupo Municipal coa Marea Atlántica tras as eleccións?
Enténdese por grupo de goberno ou grupo institucional, no caso de estar na oposición, o conxunto das persoas electas.
Enténdese por grupo municipal, provincial ou metropolitano o formado polas persoas electas e o persoal de confianza designado por estas.
As persoas que conformen o grupo municipal serán participantes da Rede, debendo, cando menos algunha delas, acudir sempre ás súas reunións e dar traslado ao resto do grupo dos acordos que se tomen nela.
As persoas que conforman o grupo de goberno ou grupo institucional non poderán ocupar as portavocías da Marea Atlántica. O grupo de goberno ou grupo institucional terá unha axenda de traballo derivada do programa electoral e dos acordos tomados na Rede, así como de todos os acordos adoptados pola Marea Atlántica en relación ao proxecto político. En paralelo a Marea Atlántica terá unha axenda propia, coordinada coa axenda institucional. A dirección política da Marea Atlántica corresponde á Rede e tanto o grupo de goberno ou institucional como toda a estrutura organizativa e operativa da Marea Atlántica deberá render contas á Rede sobre os obxectivos políticos acordados tanto a nivel institucional como a nivel de organización política.
Nas rendicións de contas periódicas do grupo goberno/institucional ante a Rede, o primeiro explicará as actuacións levadas a cabo en función dos obxectivos políticos, o Código Ético, Forma de Goberno e programa.
b. Diante de que outras instancias cidadás debe responder o grupo municipal?
O Grupo de goberno/institucional da Marea Atlántica responde ademais diante de toda a cidadanía mediante as distintas ferramentas actuais e futuras que se conformen. No caso de ser grupo de goberno, responderá de xeito periódico e, como mínimo, trimestralmente, da súa acción diante dos mecanismos de participación cidadá que se determinen.
6. Estrutura do grupo municipal
a. Con que principios se organizaría o labor do grupo municipal ou, no seu caso, do goberno municipal da Marea Atlántica?
Tanto os grupos municipal, provincial e metropolitano coma o grupo de goberno ou grupo institucional responderán aos principios de democracia, igualdade, transparencia, obediencia, responsabilidade, horizontalidade, respecto á diversidade —afectiva, cultural, funcional…—, ética ambiental, colaboración, funcionamento colexiado e innovación democrática.
b. Quen tería a responsabilidade de organizar este labor?
O equipo de Alcaldía ou da Portavocía na oposición, ou as persoas que este designe para a colaboración en ditas labores, asumirá o labor de coordinación tanto dos grupos municipal, provincial ou metropolitano como do grupo de goberno ou grupo institucional. Realizará tamén no seu seo labores de arbitraxe e mediación entre as persoas que o integren.
c. Como se tomarían as decisións?
Tanto no grupo de goberno como nos grupos municipal, provincial ou metropolitano as decisións tomaranse por consenso procurando a maior calidade do mesmo. Enténdese como calidade do consenso a maior participación e aceptación dentro dos grupos. De non se acadar un consenso de alta calidade traballarase para intentar sumar as voces discrepantes. En caso de que este non sexa posíbel tras esgotarse as vías precisas para tentalo, as decisións tomaranse por maioría de persoas membros —consenso de menor calidade—. En ningún caso o voto da Alcaldía terá diferente valor que o dos/as demais integrantes do grupo de goberno.
d. Que formación en materia de igualdade e xénero deberían ter ou adquirir tanto o grupo municipal da Marea Atlántica coma o seu equipo técnico?
Os cargos electos e o persoal eventual comprométense a recibir formación nos campos próximos aos asuntos da súa responsabilidade, nos que escollan libremente e naqueles que se consideren transversais para o exercicio das súas responsabilidades.
Do mesmo xeito, comprométense a formarse especificamente en cuestións relativas a todos os ámbitos das diversidades, tanto funcionais como sexuais e étnicas, así como no que atinxe á igualdade, a sustentabilidade, a inclusión social, a economía social e innovación democrática.
7. Revogación de mandatos
a. Como será o procedemento de revogación de mandatos dos concelleiros/as da Marea Atlántica?
Un grupo, como mínimo, do 15% das mareantes/as que posúan plenos dereitos políticos poderá levar á Rede unha proposta de revogación. A Rede decidirá se admitir a incoación do procedemento de revogación e, nese caso, o grupo de Mediación ou aquel que nunha futura estrutura da Marea Atlántica teña atribuídas as funcións de velar polas garantías e os principios e valores do proceso, designará un equipo instrutor de tres persoas que elaborarán un informe sobre a existencia ou non da contravención do Código Ético, e o seu alcance.
b. Quen propón a revogación?
Un grupo, como mínimo, do 15% das mareantes/as que posúan plenos dereitos políticos.
c. Quen debe aprobala?
A Rede en última instancia.
8. Rendición de contas
a. Que sistema de rendición de contas se define para os cargos electos da Marea Atlántica?
Aqueles que determine a estrutura da Marea Atlántica.
b. Diante de que instancia e con que periodicidade se realizará este rendemento de contas?
Ante a Rede e ante os mecanismos de participación cidadá implementados desde o goberno e determinados pola estrutura da Marea Atlántica.
9. Participación cidadá
a. Que mecanismos de participación cidadá no goberno (democracia participativa, democracia deliberativa e democracia directa) poderían contemplarse?
Seguiranse abrindo e mellorando os mecanismos de participación de diferentes niveis de complexidade, implicación, incidencia e calado para garantir á veciñanza os seus dereitos de participación nas políticas públicas. Para que a xente poida tomar decisións de xeito directo a través da democracia directa dos Orzamentos Participativos, incidir na axenda política a través da intervención directa nos plenos, conversar co grupo de goberno a través dos mecanismos de rendición de contas e participación directa que se establezan, abordar de xeito colectivo os retos da cidade, xestionar de xeito directo os equipamentos municipais ou participar neles a través de modelos de xestión inclusivos e actualizados. Traballarase para que todas as medidas activadas, contrastadas e en funcionamento a nivel interno e externo se regulen para que non teñan volta atrás, sempre e cando haxa condicións políticas no Pleno que o permitan.
Todas as decisións máis relevantes, en termos de gasto público ou de creación de modelo de cidade, ou con significativo impacto urbanístico, social ou ambiental someteranse a canles amplas de participación cidadá.
Daráselle continuidade ao traballo en distritos como mecanismo de redistribución de recursos, e como ferramenta para reducir a desigualdade da cidade, así como instrumento para a participación cidadá.
b. Que institucións e procedementos se crearán para permitir estes niveis de Participación?
A transversalización da participación cidadá no deseño de políticas públicas deberá seguir estando presente na acción institucional da Marea Atlántica, ben como goberno ben como oposición. Con esta finalidade os avances acadados no mandato 2015-2019 serán o punto de partida para a continuidade da ampliación e afianzamento da inclusión da cidadanía nos procesos de tomas de decisións e de deseño de políticas públicas.
c. Cal é a función da Marea Atlántica para fomentar a participación cidadá?
A Marea Atlántica deberá funcionar como unha organización que se adapta aos diferentes contextos, conectada cos barrios e os distritos da Coruña pero sen perder a visión global da cidade e vinculando os conflitos específicos cos conflitos globais que axudan a realizar pedagoxía política dos grandes temas do municipalismo. Así o traballo no territorio será unha das claves da Marea Atlántica, a través dos mecanismos recollidos na estrutura.
A apertura da organización a novas incorporacións, o acompañamento a estas novas persoas, a transparencia nos grupos de traballo e nos proxectos que se están a desenvolver xunto á diversidade nas tipoloxías de participación (presencial e virtual) e o apoio na conciliación serán os mecanismos que a Marea Atlántica activará para que a cidadanía diversa poida participar.
A estrutura da Marea Atlántica terá como liña fundamental a consolidación, transparencia, eficacia e coherencia da súa organización e a posta en marcha de novos espazos de participación e compromiso que darán cabida a novas formas de participación, así como aa extensión da organización para que funcione como transmisor de abaixo a arriba dos desexos políticos da cidadanía.
A Marea Atlántica terá a súa propia axenda política elaborada a partir do programa electoral e da planificación política anual da organización. Os diferentes grupos da estrutura deberán dar contas dos mesmos ante a Rede cando corresponda.
10. Contratación Pública
a. Que criterios de responsabilidade social se terán en conta para a contratación Pública?
A Marea Atlántica seguirá traballando en procesos de contratación socialmente responsables a través das normativas internas, que dentro do marco legal vixente, garantan este reto.
11.Transparencia
a. Que mecanismos de transparencia articulará a Marea Atlántica?
A Marea Atlántica comprométese a profundar, ou a esixir que se profunde, nos mecanismos de transparencia activa e pasiva desenvolvidos durante o seu primeiro mandato, así como a consolidar estas conquistas coa elaboración dunha Ordenanza de Transparencia e dun Código Ético e de Bo Goberno.
b. De que maneira disporá a cidadanía de información?
A Marea Atlántica comprométese a poñer a información a disposición da cidadanía de maneira accesible, reutilizable e interoperable. Para isto farase uso das súas Redes Sociais e das canles de comunicación necesarias para facer divulgación.
c. Que tipo de información se fará pública?
Dentro da súa loita contra a corrupción e a opacidade na administración pública, a Marea Atlántica procurará poñer á disposición da cidadanía toda a información precisa para que esta poida fiscalizar a acción de goberno, e comprométese a facer público o seu plan de goberno para o conxunto do mandato e a desenvolver unha ferramenta que permita facer un seguimento preciso do seu grao de cumprimento.
d. Deben ser públicas ás contas da Marea Atlántica? Onde deben facerse públicas?
E en tal caso, con que periodicidade?
As contas da Marea Atlántica deben ser públicas. A estes efectos, semestralmente a Marea Atlántica publicará as súas contas na súa propia web, así como en redes sociais e outras canles de comunicación da Marea Atlántica.
e. Debe ser pública a axenda do equipo municipal?
Si, a do grupo de goberno.
PERSOAS ASINANTES:
Adrián García Seijas, Alba Barbadillo Vázquez, Alejandro Sánchez Rois, Alfonso Mascuñana Bordas, Antón Pérez Rodríguez, Antonio Prado Botana, Arturo Losada Ballestero, Aurora Paz Viruet, Begoña Inés Romero Quintela, Brais García Fernández, Xosé Carlos Ares Pérez, Carlos Nogueira Souto, Carmen Villar Cures, Celsa Díaz Cabanela, Claudia Delso Carreira, Cristina Díaz Pardo, Daniel Palleiro González, Daniel Rodríguez Cao, David Calderón González, Eduardo Rodríguez Poch, Enrique Luís Calviño Alcalde, Eugenia Vieito Blanco, Gema Rivera González, Gladys Virxinia Afonso Lobato, Henrique Rabuñal Corgo, Henrique Pérez Lijó, Hoki Torres Erausquin, Iago Martínez Durán,Leticia Barbadillo Vázquez, Lola Suárez Martínez, Loli Patiño Iglesias, Luís Hernández Álvarez, Marcial Blanco Castelos, Marcos Sebastián Pérez Pena, María Garcia Gomez, Marina Gutiérrez Álvarez, Mariano Enrique Fernández Cabarcos, Mercedes Rodríguez Bolaño, Miguel Garea Garea, Natalia Balseiro Rodríguez, Pedro Manuel Carro Parafita, Pablo Leira Canedo, José María Vara Rodriguez, René Gamborino Amaro, Rubén Pérez Sueiras, Sabela Pérez Iglesias, Sandra García Rey, Silvia Cameán Calvete, Verónica Campos García, Victoria Mejuto Vilas, Xan Jove González, Xiao Varela Gómez, Xoán M. Mosquera Muíños, Xosé Taboada Durán, Xulio Vázquez López.
Users who have LIKED this post: