Esta emenda foi presentada polo colectivo denominado “Lanzadeira“, coma unha emenda de modificación á totalidade do Código Ético en vigor da Marea Atlántica. A continuación, recóllese o texto de motivación da emenda, así como o texto final que se propón modifique o actual.
MOTIVACIÓN DA EMENDA
O seguinte documento recolle unha proposta para a elaboración do código ético que acompañará a acción dos cargos electos da Marea Atlántica, así como do seu persoal eventual. As conclusións contidas nel son tamén froito das xornadas de debate encadradas dentro do proceso de Marea Viva.
Dita proposta supón unha emenda á totalidade do texto presente dado que propoñemos a súa actualización íntegra polos seguintes motivos e nos seguintes termos:
1.- Acompañar as observacións e obrigas relativas á cuestión salarial con outros elementos derivados do cargo. Deste xeito introdúcese unha regulamentación para o que ten que ver cos agasallos institucionais e ás doazóns á Marea Atlántica, tanto de cargos electos como de persoal eventual.
2.- Amplicación da formación obrigatoria á que deben asistir as persoas que compoñen a representación institucional da Marea Atlántica, coa finalidade de fornecer de novos coñecementos e propostas o proxecto político.
3.- Maior especifidade nos asuntos relativos aos ceses ou renuncias das persoas que compoñena representación institucional da Marea Atlántica, ben como cargos electos ben como persoal eventual.
Neste documento establécense os mecanismos precisos para levar a cabo estes obxectivos así como as garantías baixo as que se desenvolven.
1. Renovación
a. En cantos mandatos se pode optar a ser representante da Marea Atlántica?
Durante un máximo de oito anos, o equivalente a dous mandatos completos. Esta cláusula refírese unicamente aos cargos electos.
b. Alternos ou consecutivos?
Dous mandatos consecutivos, coa posibilidade de volver á lista nun futuro logo dun mandato sen ocupar un cargo electo.
c. Este criterio é variable acádense ou non cotas de goberno?
Ditos criterios son invariables, aínda acadando cotas de goberno.
2. Transparencia
a. Que datos deben facer públicos os cargos electos da Marea Atlántica?
As súas declaracións de bens, renda e, no seu caso, de patrimonio. Este compromiso estenderase durante tres anos despois do abandono, calquera que fose a causa, das súas responsabilidades. No caso das declaracións de bens será necesario indicar a porcentaxe de titularidade e co-titularidade.
b. Deben ser públicos os salarios e as dietas?
Si.
c. Con que periodicidade deben publicarse estes datos?
Todos estes datos deben ser publicados anualmente. Agás o balance de gastos e ingresos do grupo municipal, que terá carácter semestral.
d. Debería o persoal eventual responder a algún criterio de transparencia? En caso afirmativo, cal?
As webs da Marea Atlántica e do Concello e das institucións nas que a Marea Atlántica estean presentes, de ser posible, recollerán o salario, a función e o currículo das persoas que ocupen postos de persoal de apoio mentres desempeñen a súa función.
3. Limitación de retribucións e privilexios
a. Deben ser limitadas as retribucións das representantes? Como se limitarían estas retribucións? *
A limitación salarial vixente de 40.000 euros brutos anuais actualizarase en 2019, á entrada en vigor deste novo Código Ético, en función das cargas familiares, da variación do custo da vida e dos acordos resultantes da negociación salarial a nivel estatal, puidéndose aplicar medidas correctoras que eviten a discriminación salarial en materia de xénero. A táboa salarial resultante, que se adaptará ás competencias e responsabilidades asumidas por cada unha das persoas, deberá ser referendada pola Rede.
b. A que retribucións propias do cargo, pero non vinculadas directamente ao seu salario, debería renunciar o Grupo Municipal da Marea Atlántica?
Deberá renunciar a calquera tipo de privilexio vencellado ás súas responsabilidades, incluídas as primas por asistencia a órganos, entes, organismos e empresas dependentes da administración, e ao emprego inxustificado de vehículos oficiais.
Poderán recibir compensacións económicas, en todo caso, polos gastos de transporte —preferentemente público—, alimentación e aloxamento ocasionados pola súa actividade.
A única excepción a esta cláusula é o suposto daqueles cargos electos que non perciban salario, caso no que si sería permitido recibir compensacións económicas polo labor realizado nos órganos que correspondan. As persoas que se vexan neste suposto estarán obrigadas a doar á Marea Atlántica o 5% destas compensacións.
c. Deben ser limitadas as retribucións do persoal eventual? Como se limitarían estas retribucións?*
As limitacións das retribucións do persoal de apoio serán análogas ás dos cargos electos.
d. Como deben actuar as nosas representantes institucionais en caso de serlles ofrecido algún tipo de agasallo protocolario?
Renunciarán á recepción de obsequios que teñan un valor maior de 50€ e a privilexios materiais, coa excepción daqueles que cumpran unha función puramente protocolaria.
No caso dos agasallos de carácter institucional, pasarían a consignarse e catalogarse e polo tanto a formar parte do inventario da institución correspondente.
e. No caso de excedente derivado da limitación salarial, a que se destinaría?
Unha vez ponderadas ou compensadas as cargas fiscais correspondentes, a diferenza entre o soldo ingresado mensualmente e o límite salarial establecido por este Código Ético, de habela, destinarase á Marea Atlántica. Os usos dese fondo decidiraos a Rede e deberán facerse públicos.
4. Outros compromisos éticos
a. Os cargos electos deben responder a outros compromisos éticos vencellados aos principios da Marea Atlántica?*
As persoas representantes asumen o compromiso ético derivado dos principios da Marea Atlántica en cuestións relativas a todos os ámbitos da igualdade de xénero, feminismos, as diversidades, tanto funcionais como sexuais e étnicas, así como no que atinxe á igualdade, a sustentabilidade, a inclusión social, a economía social e innovación democrática.
Os cargos públicos da Marea Atlántica comprométense a render contas periodicamente —de maneira presencial e virtual— e a considerar a vontade popular expresada nos espazos de participación democrática que poidan articular no futuro, non só nos que existen na actualidade. Dita rendición de contas realizarase de xeito ordinario con carácter semestral e de forma extraordinaria cando esta veña motivada.
Empregarán, ademais, o diálogo, a argumentación, a escoita activa e o debate de ideas, tanto en campaña electoral como no exercicio das súas responsabilidades públicas, para promover as súas propostas. As persoas representantes da Marea Atlántica comprométense tamén a garantir a participación da cidadanía nas decisións relevantes.
b. O persoal eventual debe responder a outros compromisos éticos vencellados aos principios da Marea Atlántica?
O persoal de apoio asume o compromiso ético derivado dos principios da Marea Atlántica en cuestións relativas a todos os ámbitos das diversidades, tanto funcionais como sexuais e étnicas, así como no que atinxe á igualdade, a sustentabilidade, a inclusión social, a economía social e a innovación democrática.
O persoal eventual comprométese a colaborar cos cargos electos na rendición de contas e a considerar e garantir a vontade e a participación cidadás. Empregarán, ademais, o diálogo, a argumentación, a escoita activa e o debate de ideas no desenvolvemento do seu traballo.
c. Deben os cargos electos comprometerse a recibir formación nalgún/s campo/s concreto/s?
Os cargos electos comprométense a recibir formación nos campos próximos aos asuntos da súa responsabilidade, nos que escollan libremente e naqueles que se consideren transversais para o exercicio das súas responsabilidades, prestando especial atención a formación en materia de xénero e aqueloutra que a Marea Atlántica propoña en atención aos seus principios.
d. Debe o persoal eventual comprometerse a recibir formación nalgún/s campo/s concreto/s?
O persoal de apoio do Goberno Marea Atlántica comprométese a recibir formación nos campos próximos aos asuntos da súa responsabilidade, nos que escollan libremente e naqueles que se consideren transversais para o exercicio do seu traballo, prestando especial atención a formación en materia de xénero e aqueloutra que a Marea Atlántica propoña en atención aos seus principios
5. Compatibilidades
a. É compatible o acta de concelleira con outro cargo na Administración Pública?
As persoas representantes da Marea Atlántica non poderán ocupar máis dun cargo político como representante público, agás cando llelo esixan as súas responsabilidades como concelleiros/as, incluídas entre estas a Deputación e un futuro ente metropolitano.
b. Sería incompatible o exercicio dalgunha actividade profesional co desempeño do cargo?
O exercicio de actividade profesional será incompatible co desempeño dun cargo institucional naqueles casos nos que se incorra nun conflito de intereses entre ambos, calquera que esta fose. En todo caso, é de obrigado cumprimento a normativa legal de incompatibilidades.
c. Son compatibles os cargos institucionais da Marea Atlántica con cargos orgánicos na propia Marea ou noutras forzas políticas ou sociais?
O desempeño de cargos orgánicos na propia Marea ou noutras forzas políticas e sociais por parte de cargos institucionais será incompatible sempre que se trate de cargos de carácter unipersoal de tipo executivo e voceirías.
d. De que xeito deberían controlarse as denominadas “portas xiratorias”, isto é, o uso dos cargos públicos como trampolín profesional no sector privado?
Os cargos electos ou de designación política da Marea Atlántica comprométense a non obter melloras laborais ou mercantís ilexítimas derivadas do exercicio das súas funcións propias do mandato. A lexitimidade estará sometida a control pola Marea Atlántica no órgano e procedemento desenvolvidos a tal efecto.
6. Mandato
a. Que causas xustificarían a renuncia á acta de representante?
Os cargos electos da Marea Atlántica comprométense a non abandonar as súas responsabilidades para concorrer a outra convocatoria electoral durante o mandato nin para ocupar un posto directivo en fundacións ou empresas dependentes ou adxudicatarias do Concello.
b. Que causas xustificarían que a Marea Atlántica instase a algún ou algunha das súas representantes a abandonar o cargo (imputacións, condenas, comportamentos sexistas ou discriminatorios por razóns raciais, relixiosas, de orientación sexual, etc…)?
Os cargos electos da Marea Atlántica, así como o persoal de confianza e cargos directivos, poderán ser revogados pola Rede, seguindo os mecanismos que a tal fin se habiliten, no caso de violación deste Código Ético ou de incumprimento grave e non xustificado do programa electoral. Ademais, comprométense a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde a autoridade xudicial estime a existencia de indicios racionais de delito. Non será causa de dimisión ou cesamento a imputación resultado dunha actuación política expresamente autorizada pola Marea Atlántica.
c. Que causas motivarían o cese do persoal eventual?
O persoal de apoio cesará por vontade propia, por acordo coa persoa que o designou, ou por acordo do grupo de goberno, a proposta da persoa que o designou. Dito cesamento deberá ser motivado e notificado a Rede.
O persoal de apoio comprométese a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde a autoridade xudicial estime a existencia de indicios racionais de delito. Non será causa de dimisión ou cesamento a imputación resultado dunha actuación política expresa e previamente autorizada pola Marea Atlántica.
Como complemento desta norma, nos primeiros meses tras a constitución da corporación, o grupo municipal presentará un protocolo de xestión e resolución de conflitos que será presentado en Rede para o seu referendo. Este texto incorporará tempos, formas e mecanismos para abordalos.
PERSOAS ASINANTES DA EMENDA:
Adrián García Seijas, Alba Barbadillo Vázquez, Alejandro Sánchez Rois, Alfonso Mascuñana Bordas, Antón Pérez Rodríguez, Antonio Prado Botana, Arturo Losada Ballestero, Aurora Paz Viruet, Begoña Inés Romero Quintela, Brais García Fernández, Xosé Carlos Ares Pérez, Carlos Nogueira Souto, Carmen Villar Cures, Celsa Díaz Cabanela, Claudia Delso Carreira, Cristina Díaz Pardo, Daniel Palleiro González, Daniel Rodríguez Cao, David Calderón González, Eduardo Rodríguez Poch, Enrique Luís Calviño Alcalde, Eugenia Vieito Blanco, Gema Rivera González, Gladys Virxinia Afonso Lobato, Henrique Rabuñal Corgo, Henrique Pérez Lijó, Hoki Torres Erausquin, Iago Martínez Durán, Leticia Barbadillo Vázquez, Lola Suárez Martínez, Loli Patiño Iglesias, Luís Hernández Álvarez, Marcial Blanco Castelos, Marcos Sebastián Pérez Pena, María Garcia Gomez, Marina Gutiérrez Álvarez, Mariano Enrique Fernández Cabarcos, Mercedes Rodríguez Bolaño, Miguel Garea Garea, Natalia Balseiro Rodríguez, Pedro Manuel Carro Parafita, Pablo Leira Canedo, José María Vara Rodriguez, René Gamborino Amaro, Rubén Pérez Sueiras, Sabela Pérez Iglesias, Sandra García Rey, Silvia Cameán Calvete, Verónica Campos García, Victoria Mejuto Vilas, Xan Jove González, Xiao Varela Gómez, Xoán M. Mosquera Muíños, Xosé Taboada Durán, Xulio Vázquez López.
Users who have LIKED this post: