Documento de Primarias en vigor

A continuación, o texto completo do formulario de Primarias aprobado na Marea Viva de 2014, actualmente en vigor.

BLOQUE DE PRIMARIAS

1. Censo

a. Quen pode votar?
Toda persoa maior de 16 anos que resida, ou tivese residido nos últimos cinco anos, na cidade da Coruña e que sexa asinante do manifesto antes da data X.

b. Quen elabora o censo?
O censo de votantes para as primarias da Marea Atlántica será elaborado polo órgano de arbitraxe creado para fiscalizar o proceso de votación

c. Como se elabora e cando se pecha o censo?

2. Aspirantes

a. Quen pode presentarse?
Terán a condición de candidatas e candidatos todas aquelas persoas con residencia na Coruña que cumpran cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral.

b. Necesita avais?
Estar en posesión de cinco avais asinados por persoas rexistradas no censo. As persoas con intención de ser cabeza de lista deberán entregar 15 avais.

c. Que requisitos debe cumprir un ou unha aspirante?
Ser asinante do Manifesto da Marea Atlántica, como compromiso de cumprimento dos seus obxectivos políticos. Manifestar por escrito un compromiso de cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica, unha vez este estea aprobado. No caso das persoas militantes de partidos políticos, unha declaración en que consten os cargos que ocupa na súa organización.

d. Que criterios poden excluír un ou unha aspirante?
Ser representante nalgunha outra administración distinta do Concello da Coruña. Ter ostentado algún tipo de responsabilidade como representante nos anteriores gobernos municipais do goberno da Coruña. As persoas que formen parte de candidaturas distintas á da Marea Atlántica que concorran ás eleccións municipais do mes de maio de 2015. As persoas imputadas por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. As persoas en situación de imputación xudicial por delitos de racismo,
xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou
contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.

e. Que compromisos asume a persoa aspirante?
Abandonar os cargos orgánicos que ocupe no caso de ser escollida. Asinar un compromiso de cumprimento do Código Ético.

f. Que compromisos asume a Marea Atlántica coa persoa aspirante?
Trato igualitario na difusión da súa candidatura. Garantía de igualdade de oportunidades. Posta a disposición da persoa candidata de recursos telemáticos para a promoción da súa candidatura. Respecto pola intimidade da persoa candidata, difundindo só os datos que desexe publicar e os meramente obrigatorios. Posta a disposición da candidata/o dos respectivos formularios para a
presentación de avais.

g. As candidaturas serán individuais ou en listas? E de qué modo se configurarán?
As persoas que obteñan a condición de electoras emitirán o seu voto en favor de persoas individuais, aínda que estas se presenten dentro de listas abertas. Os/as candidatos/as presentaranse en listas, respectando en todo caso a paridade de xénero en cremalleira. Ditas marcas deberán estar compostas dun mínimo de 4 e un máximo de 10 persoas. Quedan excluídas desta cláusula as persoas candidatas a encabezar a listas. As listas non poderán denominarse empregando referencias directas ou indirectas a organizacións políticas formalmente constituídas. A votación en primarias estará dividida entre a cabeza e o resto da lista. Cada elector ou electora de Marea Atlántica deberá votar por 12 persoas ordenadas do 1 ao 12, respectando en todo caso a paridade de xénero en cremalleira. A cabeza de lista votarase por separado. As persoas candidatas a cabeza de lista terán a opción de ser tamén parte da lista de titulares. No caso de que unha persoa sexa aspirante a ser cabeza, pero non parte da lista, e non acade os votos necesarios, non formará parte da lista definitiva.

3. Igualdade de xénero

a. De que xeito garantimos a participación en igualdade?
As listas abertas deberán cumprir criterios de paridade (50%) en Cremalleira. O voto só pode ser emitido de xeito totalmente paritario e en cremalleira. Qué novos mecanismos podemos introducir para favorecer a participación en igualdade. Dinámicas inclusivas (horarios, etc) e ferramentas que faciliten tanto a participación política das mulleres como daquelas persoas con diversidade cultural, funcional e afectivo-sexual.

4. Arbitraxe

a. Que órgano supervisa o procedemento de primarias?
Crearase un órgano de supervisión do procedemento de primarias denominado Órgano de Arbitraxe Electoral.

b. Como se conforma?
O órgano de arbitraxe estará conformado por unha persoa de cada organización política confluínte na Marea Atlántica e un número equivalente máis un de persoas sen adscrición partidaria.

c. Que funcións ten?
Facer cumprir o calendario aprobado no proceso de debate da Marea Viva. Garantir a igualdade de oportunidades durante o proceso de campaña. Aprobar as candidaturas presentadas. Resolver as distintas queixas, denuncias e irregularidades que se manifesten durante o proceso de primarias.

d. Como adopta as decisións?
Por consenso, no caso de que dito consenso non se produza a maioría simple sería determinante.

5. Postos a elixir

Nota: na cidade da Coruña as listas están compostas por 27 titulares e 10 suplentes.

a. Á hora de votar, sobre cantos postos da candidatura podemos decidir? Sobre a lista completa ou sobre unha porcentaxe dos postos?
O elector ou electora poderá realizar dúas votacións, unha para escoller á persoa que encabezará a lista e unha segunda para completar a lista. No acto de votación, cada elector deberá escoller 12 persoas ordenadas do 1 ao 12, respectando a paridade de xénero en cremalleira

b. Vótase por separado o/a cabeza de lista?
Si.

c. Reservaríanse algúns postos simbólicos (ao final da lista) para persoas que tivesen especial relevancia pública e concitasen unanimidade na Marea? Como se decidiría finalmente a súa inclusión?
Si. Pola Rede.

6. Número de candidatos/as

a. Cantas persoas aspirantes pode haber por cada posto da candidatura?
Non está limitada.

b. No caso de presentarse máis, como se corrixiría?

7. Campaña electoral das primarias

a. Dereitos e deberes das persoas candidatas.
Dos dereitos das persoas candidatas:21
As persoas candidatas teñen dereito a recibir un trato igualitario por parte da Marea Atlántica. Dereito a acudir ante o Órgano de Arbitraxe para denunciar as irregularidades que considere gravosas para o proceso. Dereito a un espazo dentro das ferramentas telemáticas facilitadas pola Marea Atlántica para a promoción de candidaturas. En dito espazo poderán publicitar os motivos da súa candidatura mediante textos e fotografía. Cada unha das persoas candidatas estará representada por unha fotografía, un breve texto non superior aos 140 caracteres e un texto maior de 500 caracteres onde poderá expresar a súa visión persoal e por que cre que debe ser merecedora do voto no proceso de primarias. A presenza das persoas candidatas nestes espazos terá unha orde aleatoria. Así mesmo, os medios dixitais propios da Marea Atlántica enlazarán —se a persoa así o
desexa— aos perfís persoais na rede das persoas candidatas facilitando que a cidadanía interesada en participar no proceso de primarias poida interpelalos directamente.
Dereito á promoción da súa candidatura nos seus perfís propios de redes sociais. Así mesmo os medios dixitais propios da Marea Atlántica enlazarán (se a persoa así o desexa) aos perfís persoais na rede das persoas candidatas facilitando que a cidadanía interesada en participar no proceso
de primarias poida interpelalos directamente. Dos deberes das persoas candidatas. Deber de gardar o debido respecto polo resto de persoas candidatas dentro das mensaxes e actos de promoción da súa candidatura.

b. Como se garante a igualdade de oportunidades?
Está prohibida a difusión de candidaturas mediante publicidade en medios de comunicación. A Marea Atlántica ofrecerá a todas as candidaturas presentadas o mesmo peso dentro da comunicación tanto interna como externa. Estará prohibida a aparición en medios de comunicación públicos, privados ou comunitarios solicitando o voto. Estará prohibida a edición de material propagandístico para a promoción dunha candidatura. O Órgano de Arbitraxe Electoral emitirá unha serie de consideracións que serán recibidas por cada persoa candidata no momento de candidatarse para coñecer como pode levar a cabo a promoción da súa opción.

8. Sistema de votación

a. Que sistema de votación se empregará?
A votación da cabeza de lista estará reglada polo sistema Borda puro no caso de existir máis dunha candidatura. No caso de existir unha soa candidatura, o candidato ou candidata someterase a referendo durante o propio de acto de votación, existindo só a opción do apoio e do voto en branco.
No caso de existir dúas candidaturas a votación resolverase por voto simple. No caso de existir tres ou máis candidaturas para encabezar a lista empregarase o método Borda puro. De acordo con este método, sexan cales sexan as opcións a escoller, o elector ou electora pode emitir tres votos. Os votos son ordenados e obrigatorios, de xeito que a primeira opción escollida suporá 3 puntos, a segunda 2 e a terceira 1. A votación á composición da lista estará reglada polo reconto Dowdall.

9. Corrección de listas

a. Aplicaranse criterios de corrección de xénero na lista ademais dos que prescribe a lexislación vixente?
Os votos cuxa composición de xénero non garanta un reparto do 50% entre homes e mulleres en cremalleira non poderán ser emitidos.

Deixa unha resposta