Código Ético en vigor

A continuación, o texto completo do formulario do Código Ético aprobado na Marea Viva de 2014, actualmente en vigor

1. Renovación

a. En cantos mandatos se pode optar a ser representante da Marea Atlántica?

Durante un máximo de oito anos, o equivalente a dous mandatos completos

b. Alternas ou consecutivas?

Dita limitación afecta aos mandatos tanto alternos como consecutivos.

c. Este criterio é variábel en función de se se acadan ou non cotas de goberno?

Ditos criterios son invariábeis, aínda acadando cotas de goberno.

2. Transparencia

a. Que datos deben facer públicos os cargos electos da Marea Atlántica?

As súas declaracións de bens, renda e, no seu caso, de patrimonio. Este compromiso estenderase durante tres anos despois do abandono, calquera que fose a causa, das súas responsabilidades. No caso das declaracións de bens precisarase a porcentaxe de titularidade dos bens, así como a identidade das outras persoas cotitulares (con iniciais, no caso de non obter consentemento) e o réxime da relación con ditas persoas.

b. Só as declaracións de patrimonio?

Xa respostado.

c. Deben ser públicos os salarios e as dietas?

Si.

d. Con que periodicidade deben publicarse estes datos?

Todos estes datos deben ser publicados anualmente. O balance de gastos e ingresos do grupo municipal, con carácter trimestral.

3. Responsabilidade

a. Debe ser limitado o salario dos e das representantes? E do seu equipo técnico?

Como se limitarían estas retribucións?

A Marea Atlántica reducirá nun 50% do custo total das retribucións do goberno municipal, cargos directivos e persoal de confianza e nunha terceira parte a actual retribución do goberno municipal (un 40 % no caso da alcaldía).

As retribucións fixaranse en función do nivel de competencia e dedicación, sen que en ningún caso a retribución anual bruta supere os 40.000 euros, equivalente a uns 2.100 euros netos ao mes.

b. A que retribucións propias do cargo, pero non vinculadas directamente ao seu salario, debería renunciar o Grupo Municipal da Marea Atlántica?

A calquera tipo de privilexio derivado das súas responsabilidades, incluídas as primas por asistencia a outros órganos e o emprego inxustificado de vehículos oficiais

c. Deben responder os cargos electos a outros criterios de responsabilidade aparte dos económicos (sociais, formativos, de conducta…)?

Os cargos públicos da Marea Atlántica comprométense a render contas periodicamente —de maneira presencial e virtual— e a obedecer a vontade popular expresada nos espazos de participación democrática que se articulen, non só nos que existen na actualidade. Empregarán, ademais, o diálogo, a argumentación, a escoita activa e o debate de ideas, tanto en campaña electoral como no exercicio das súas responsabilidades públicas, para promover as súas propostas. Os representantes da Marea Atlántica comprométense tamén a garantir a participación da cidadanía nas decisións relevantes

4. Compatibilidades

a. Debería estar prohibida a compatibilización da acta con outro cargo na Administración Pública?

Os representantes da Marea Atlántica non poderán ocupar máis dun cargo político na Administración, agás cando llelo esixan as súas responsabilidades como concelleiros/as.

b. Con que profesións sería incompatíbel a dedicación exclusiva?

As persoas que incorran nun conflito de intereses entre as súas responsabilidades públicas e a súa actividade profesional, calquera que esta fose, respectando en todo caso a normativa legal de incompatibilidades

c. Son compatíbeis os cargos de representación da Marea Atlántica con cargos orgánicos na propia Marea ou noutras forzas políticas ou sociais?

Incompatibles co desempeño de cargos ou responsabilidades orgánicas nas organizacións políticas e sindicais.

d. De que xeito deberían controlarse as denominadas “portas xiratorias”, isto é, o uso dos cargos públicos como trampolín profesional no sector privado?

Os cargos electos ou de designación política da Marea Atlántica comprométense a non prestar servizos para empresas contratistas ou concesionarias relacionadas coas funcións nas que exerceu no Concello da Coruña durante un prazo mínimo de tres anos desde o cesamento

5. Mandato

a. Que causas non xustificarían a renuncia á acta de representante?

Non abandonar as súas responsabilidades para concorrer a outra convocatoria electoral durante o mandato.

b. Que causan xustificarían que a Marea Atlántica instase a algún ou algunha das súas representantes a abandonar o cargo (imputacións, condenas, comportamentos sexistas ou discriminatorios por razóns raciais, relixiosas, de orientación sexual, etc…)?

No caso de violación deste Código Ético ou de incumprimento grave e non xustificado do programa electoral. Ademais, aqueles comprométense a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos- Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.


Users who have LIKED this post:

  • avatar
  • avatar

Deixa unha resposta