Emenda á totalidade 1 | Documento de Programa Participativo

Esta emenda foi presentada polo colectivo denominado “Lanzadeira“, coma unha emenda de modificación á totalidade do documento de Programa Participativo en vigor da Marea Atlántica. A continuación, recóllese o texto de motivación da emenda, así como o texto final que se propón modifique o actual.

MOTIVACIÓN DA EMENDA

A Marea Atlántica iniciou a finais de 2017 o proceso da segunda Marea Viva, un espazo de debate e re-deseño colectivo da organización de cara enfrontar os vindeiros anos coa organización fortalecida, mellor organizada e adaptada aos contextos actuais.

Neste proceso decidíronse os documentos da Marea Atlántica que se ían a revisar: estrutura, primarias, código ético e forma de goberno así como elaborar un novo documento de programa participativo.

Durante a Marea Baixa deste proceso de Marea Viva organizáronse unha serie de xornadas de debate sobre estes documentos, o seu contido e nos que as e os mareantes puideron debater e facer achegas para a súa mellora e ou reformulación.

É a partir deste traballo, de conclusións dos debates, recollido polo Grupo Redactor da Marea Viva nunha serie de documentos, que están elaborados estes formularios que propoñemos, entre os que se atopa a reformulación de este documento de Programa Participativo.

Criterios para a elaboración dun Programa Participativo

A Marea Atlántica naceu coma un instrumento da cidadanía da Coruña capaz de gañar a cidade para as maiorías, de gañar o Goberno Municipal para o 99% e devolver o poder á veciñanza. Para acadar estes obxectivos, e renovar este desexo común, é imprescindible construír un Programa que recolla o sentir da veciñanza, e iso só é posible se o proceso para elaboralo é aberto e participado.

Neste documento recóllense os protocolos e as ferramentas básicas para garantir a máxima participación cidadá no proceso de elaboración do programa, incorporando tamén as aprendizaxes gañadas durante os últimos anos de goberno municipal.

En resumo, os criterios tomados en conta para este documento son os seguintes:

  1. Deben existir espazos de participación tanto para as persoas activas na Marea Atlántica como, no seu momento, para a cidadanía en xeral.

  2. A experiencia de goberno acumulada ten que ter especial importancia nesta fase: grao de cumprimento do anterior programa ou a elaboración de orzamentos entre outros.

  3. O proceso de elaboración do programa pode e debe ser un momento de ampliación da participación na Marea Atlántica e extensión da organización.

  4. É necesario ter en conta tanto a variable temática como a variable territorial no proceso, contando por un lado con persoas especializadas nos diferentes eidos, por un lado, e polo outro, coa veciñanza dos diferentes barrios da cidade.

1. Calendario

a. En que período se elaborará o programa participativo?*
O proceso de elaboración do programa colaborativo comezará cando menos, seis meses antes da convocatoria das eleccións municipais de 2019.

b. En que fases se desenvolverá o programa dende a posta en marcha até a súa presentación, de xeito que se garanta a participación?*
O proceso de elaboración do programa participación estruturarase coma un proxecto que constará das seguintes fases:

1. Aprobación da metodoloxía a seguir.- Polo menos sete meses antes dos comicios, os grupos de traballo responsables da metodoloxía e de impulsar proxectos levarán á Rede unha proposta de desenvolvemento deste proceso, no que se detallará o calendario definitivo e a metodoloxía e ferramentas a empregar no mesmo.
2. Balance de goberno.- Espazo en que o grupo municipal vixente compartirá co resto da organización o seu balance do mandato 2015-2019 e elaborará unha proposta de retos para o futuro.
3. Mesas de programa.- Na primeira fase organizaranse actos e reunións con axentes sociais da cidade para recabar a opinión e as necesidades da veciñanza, na medida do posible. Destas xuntanzas participarán persoas expertas e outras organizacións en materias de importancia para o barrio, que poidan contribuír a desenvolver propostas.
4. Redacción da proposta de programa electoral.- Unha vez recompilados os datos e as demandas recollidas nas Mesas de Programa, e mais as achegas feitas por outras fontes, tanto internas coma externas á Marea Atlántica, confeccionarase a proposta de programa, seguindo o procedemento metodolóxico previamente aprobado pola Rede.
5. Presentación pública da proposta de programa.- A proposta será feita pública nun encontro aberto á cidade, polo menos tres meses antes da celebración das eleccións municipais. Neste encontro a Marea Atlántica abrirase á cidade para traballar conxuntamente no programa participativo final empregando unha metodoloxía de traballo colaborativo, que poña en valor todo o feito até o momento pola Marea Atlántica e enriquecéndoo e completándoo a través da intelixencia colectiva. Esta fase será tamén un instrumento para a participación e o empoderamento cidadán.
6. Recollida (telemática) de achegas á proposta de programa.- En paralelo á presentación pública, porase en marcha a ferramenta telemática para a recollida de achegas por parte da cidadanía. Esta fase terá o obxectivo de mellorar, a partir da participación máis ampla, a proposta.7. Elaboración do programa participativo final.- Nas dúas semanas seguintes estudarase a viabilidade das propostas feitas durante a fase anterior e incorporaranse aquelas que se estimen acaidas, seguindo o procedemento metodolóxico previamente aprobado pola Rede.

2. Participación e Metodoloxías

a. Empregaríase algunha ferramenta de diagnose do cumprimento do programa das anteriores eleccións municipais? En caso afirmativo, que repercusión tería sobre a elaboración no novo programa?
Un dos criterios asumidos para a elaboración do Programa Participativo é a de recoller as aprendizaxes acumuladas durante estes anos de goberno municipal. Por isto, resulta necesario facer unha diagnose por Área de Goberno (Concellarías), que amosen o grao de cumprimento do programa coa que a Marea Atlántica se presentou aos comicios de 2015.
A nova proposta de programa deberá amosar claramente estes logros, así como tamén e de xeito motivado os puntos nos que non foi posible avanzar e tamén as necesidades de fases posteriores nos eixos que así o precisen.

b. Crearase un órgano encargado da coordinación da elaboración do programa participativo? En caso afirmativo, que funcións tería? Como se conformaría?*
Crearase un grupo para desenvolver todo este traballo coa denominación “Grupo de Traballo de Programa”. As súas funcións serán desenvolver as contidas neste documento e a súa composición virá refrendada pola Rede.
A súa composición virá guiada polos criterios de paridade, talante conciliador, idoneidade e coñecemento deste tipo de procesos.

c. Que papel lle corresponde aos diversos órganos da Marea na elaboración do programa?

1. Función do Grupo de Traballo de Programa. Sería o órgano encargado de unificar, compatibilizar e darlle formato a toda a información recabada no proceso colectivo de elaboración das propostas de programa participativo. Nomeadamente e, en colaboración coa Candidatura resultante das primarias, artellará a concordancia do programa electoral e o programa de goberno. Tamén se encargaría de difundir o programa, así como de adaptar o seu formato aos distintos momentos e necesidades do proceso; elaborando un documento resumo de impacto mediático —como ferramenta da campaña electoral—.
2. Conformación do Grupo de Traballo de Programa. Será definido na proposta de calendario e metodoloxía que aprobará a Rede, que en todo caso garantirá a participación individual das persoas que así o desexen.
3. Participación do resto de órganos da Marea Atlántica na elaboración da proposta de Programa Participativo. Participarán activamente na elaboración do programa en todas as súas fases, de acordo ao procedemento aprobado pola Rede, e prestarán especial atención ás demandas e necesidades da cidadanía no seu ámbito de traballo. Non só se trata de levar adiante o programa transformador da Marea Atlántica, senón tamén de escoitar as necesidades e desexos da veciñanza.
4. Participación do resto de órganos da Marea Atlántica na elaboración final do Programa Participativo. Participarán seguindo o procedemento que sexa aprobado na Rede, que en calquera caso garantirá a participación das persoas activas nas diferentes partes do proceso.
5. Participación do resto de órganos da Marea Atlántica na difusión do Programa Participativo. Todos os órganos da Marea Atlántica participarán activamente na difusión do Programa Participativo aprobado, tomando en conta as necesidades da campaña electoral.

d. De que forma se garante a participación individual das persoas activas da marea na elaboración do programa. Que metodoloxías se empregarán? Que ferramentas?

As persoas activas na Marea poden participar na elaboración do Programa en función dos seguintes niveis diferenciados, en base ao seu interese, capacidade e dispoñibilidade (de maior a menor):

1. Formando parte do Grupo de Traballo de Programa.
2. A través do órgano da Marea no que estean participando activamente, en función do recollido no punto anterior.
3. Elaborando e presentando propostas (individuais ou colectivas), a través da ferramenta telemática posta en marcha a tal efecto.
4. Apoiando propostas presentadas por outras persoas ou colectivos na ferramenta telemática.
5. Participando no Encontro Aberto a toda a cidadanía.

e. De que forma se garante a participación cidadá, tanto individual como colectiva, na elaboración do programa? Que metodoloxías se empregarán? Que ferramentas?*

A cidadanía pode participar na elaboración do Programa en base a tres niveis diferenciados, en función do seu interese, capacidade e dispoñibilidade (de maior a menor):

1. Elaborando e presentando propostas (individuais ou colectivas), a través da ferramenta telemática posta en marcha a tal efecto.
2. Apoiando propostas presentadas por outras persoas ou colectivos na ferramenta telemática.
3. Participando no Encontro Aberto a toda a cidadanía.

f. Que mecanismos correctores se propoñen para a redacción final, garantindo a coherencia, a legalidade, a adecuación técnica e o equilibrio?
O Grupo de Traballo de Programa, en base aos resultados do período participativo e de acordo á metodoloxía aprobada pola Rede, poderá crear equipos específicos e/ou convidar a persoas especializadas dos diferentes ámbitos abordados, para desenvolver partes técnicas do programa definitivo da Marea Atlántica.
Nesta fase de redacción do documento final é imprescindible a participación activa do Grupo Municipal.

3. Contidos

a. A que criterios xerais debe responder a redacción do programa (estrutura por áreas, transversalidade, continuidade, adecuación á realidade material, equilibrio territorial?)
O Programa Participativo estará dividido por áreas temáticas, recollendo polo menos as seguintes:

1. Radicalidade democrática: liberdades e participación cidadá, innovación democrática, igualdade entre xeracións…
2. Modelo territorial e urbano: dereito á cidade, medio ambiente, medio rural, vivenda e mobilidade, demografía sostible…
3. Xustiza e cohesión social: loita contra a exclusión, dereitos sociais e ambientais, atención á diversidade e servizos públicos…
4. Modelo económico e enerxético: emprego, investigación, consumo consciente, economía social, coñecementos abertos, redución do impacto do cambio climático…
5. Cultura, memoria e identidades: recuperación da memoria histórica e colectiva da cidade, educación, cultura, deporte, lingua…
6. Igualdade de xénero e feminismo: loita contra a discriminación e o machismo, prestando especial atención aos colectivos sexual e afectivamente diversos, … Este é un eixo tanto temático como transversal.
7. Transparencia e defensa dos servizos públicos: contratación pública con criterios sociais, xestión da débeda, política fiscal, reforzo dos servizos públicos, remunicipalizacións, …

4. Referendo

a. Necesitaría o programa participativo un referendo final? *
Si

b. En caso afirmativo quen, cando e como o refrendaría?
O programa refrendaríase do seguinte xeito:
Votación do programa definitivo. Todas a mareancia, as persoas asinantes do manifesto (presencialmente) e as persoas participantes no Encontro Aberto á Cidade votarán o programa.
Elaboración do censo do programa definitivo. A cargo do Grupo de Traballo de Programa. Elaboraríase seguindo as indicacións anteriores.

5. Presentación do programa electoral

a. Con que formatos se presentará?
Presentarase o documento final de Programa á cidadanía, para o seu coñecemento e difusión pública. O Grupo de Traballo de Programa coordinarase co órgano da Marea Atlántica encargado da campaña electoral para definir os formatos máis acaidos para a súa difusión, tomando en conta ferramentas presenciais, analóxicas e telemáticas.

b. Quen, como e cando presentará o programa?*
O programa presentarase antes do inicio da campaña electoral, polo Grupo de Traballo de Programa, en coordinación co órgano encargado da campaña electoral.

c. Como se relaciona a elaboración e presentación do programa coa campaña electoral?
Segundo o establecido anteriormente, o programa será presentado publicamente polas persoas integrantes do Grupo de Traballo de Programa e a Candidatura, coordinándose para isto co órgano encargado da campaña electoral.
Elixirase un formato acaido á presentación colectiva, con presenza de prensa e apoio dos medios telemáticos correspondentes (streaming).

 

PERSOAS ASINANTES DA EMENDA:

Adrián García Seijas, Alba Barbadillo Vázquez, Alejandro Sánchez Rois, Alfonso Mascuñana Bordas, Antón Pérez Rodríguez, Antonio Prado Botana, Arturo Losada Ballestero, Aurora Paz Viruet, Begoña Inés Romero Quintela, Brais García Fernández, Xosé Carlos Ares Pérez, Carlos Nogueira Souto, Carmen Villar Cures, Celsa Díaz Cabanela, Claudia Delso Carreira, Cristina Díaz Pardo, Daniel Palleiro González, Daniel Rodríguez Cao, David Calderón González, Eduardo Rodríguez Poch, Enrique Luís Calviño Alcalde, Eugenia Vieito Blanco, Gema Rivera González, Gladys Virxinia Afonso Lobato, Henrique Rabuñal Corgo, Henrique Pérez Lijó, Hoki Torres Erausquin, Iago Martínez Durán, Leticia Barbadillo Vázquez, Lola Suárez Martínez, Loli Patiño Iglesias, Luís Hernández Álvarez, Marcial Blanco Castelos, Marcos Sebastián Pérez Pena, María Garcia Gomez, Marina Gutiérrez Álvarez, Mariano Enrique Fernández Cabarcos, Mercedes Rodríguez Bolaño, Miguel Garea Garea, Natalia Balseiro Rodríguez, Pedro Manuel Carro Parafita, Pablo Leira Canedo, José María Vara Rodriguez, René Gamborino Amaro, Rubén Pérez Sueiras, Sabela Pérez Iglesias, Sandra García Rey, Silvia Cameán Calvete, Verónica Campos García, Victoria Mejuto Vilas, Xan Jove González, Xiao Varela Gómez, Xoán M. Mosquera Muíños, Xosé Taboada Durán, Xulio Vázquez López.


Users who have LIKED this post:

  • avatar
  • avatar
  • avatar
  • avatar
  • avatar
  • avatar
  • avatar
  • avatar
  • avatar
  • avatar

One thought on “Emenda á totalidade 1 | Documento de Programa Participativo

  1. É fundamental contar cunha ferramenta para a elaboración do Programa que garanta a máxima participación e facilite o traballo colaborativo e a dialéctica entre Marea – persoas expertas – cidadanía.

    Decidim.org pode ser unha boa opción

    4+

    Users who have LIKED this comment:

    • avatar
    • avatar
    • avatar
    • avatar

Deixa unha resposta