Documento de Programa Participativo en vigor

A continuación, o texto completo do formulario de Programa Participativo, aprobado na Marea Viva de 2014, actualmente en vigor.

BLOQUE DE PROGRAMA PARTICIPATIVO

12. Calendario

a. Datas de elaboración do programa participativo.
O proceso de elaboración do programa colaborativo comeza co proceso de conformación do Grupo de Traballo de Programa o 16 de Febreiro, e remata coa súa presentación pública o día 13 de Abril.

b. Fases na elaboración do programa participativo.
O proceso de elaboración do programa participativo estruturarase como segue:
– Conformación do Grupo de Traballo de Programa, entre o 16 de Febreiro e o 12 de Marzo. Nesta fase terá lugar a selección das persoas por parte dos Grupos de Traballo e Mareas (as persoas candidatas incorporaranse ao grupo despois das Eleccións Primarias). Esta fase finalizará cunha reunión presencial do grupo de traballo para organizar o traballo durante o proceso.
– Presentación pública do proceso e convocatoria á cidadanía, entre os días 2 e 8 de Marzo. Nesta fase presentarase o proceso á cidadanía.
– Recollida de información, deseño do encontro e inscricións, entre o 2 e o 12 de Marzo. Nesta fase, o Grupo de Traballo de Programa encargarase de recabar o traballo elaborado polas Mareas até o momento, para utilizalo como referencia no Encontro Aberto á Cidade que se explica no seguinte apartado. Tamén nesta fase o Grupo de Traballo de Programa deseñará dito encontro, e xestionará as inscricións para o mesmo.
– Encontro Aberto á Cidade, os días 13, 14 e 15 de Marzo. Neste encontro a Marea abrirase á Cidade para traballar conxuntamente no Programa Participativo. O Grupo de Traballo de Programa deseñará unha metodoloxía de traballo colaborativo, que poña en valor todo o traballo feito até o momento pola Marea Atlántica enriquecéndoo e completándoo a través da intelixencia colectiva. Esta fase será tamén un fito mediático importante no proceso de campaña, presentando a Marea Atlántica como o que é: un instrumento para a participación e o empoderamento cidadán. Para participar deste evento será preciso inscribirse previamente.
– Elaboración do programa, entre o 16 de Marzo e o 5 de Abril. Nesta fase, o Grupo de Traballo de Programa encargarase de elaborar a proposta de programa a partir de toda a información xerada pola Marea Atlántica e a recollida no encontro aberto á cidade.
– Publicación e validación, entre o 6 e o 12 de Abril. Nesta fase publicarase o borrador do programa, para recibir achegas da cidadanía e proceder á validación do mesmo a través dunha consulta entre todas as persoas participantes na súa elaboración (mareantes, mareantas e persoas inscritas no encontro aberto á cidadanía).
– Presentación pública, o 13 de Abril. Nesta fase, o Grupo de Traballo de Programa presentará publicamente o programa participativo resultado do proceso.

13. Participación

a. Potestades de Mareas e Grupos de Traballo na elaboración do Programa Participativo.
Participarán activamente na elaboración do programa e formando parte do Grupo de Traballo de Programa.

b. Potestades de Mareas e Grupos de Traballo na elaboración final do Programa Participativo.
Participación no Grupo de Traballo de Programa.

c. Órgano de coordinación da elaboración do Programa Participativo.
Chamarase Grupo de Traballo de Programa.

d. Función do órgano de coordinación.
Sería o órgano encargado de unificar, compatibilizar e darlle formato a toda a información recabada no proceso colectivo de elaboración do programa participativo. Tamén se encargaría de difundir o programa resultante, así como de adaptar o seu formato aos distintos momentos e necesidades do proceso; elaborando un documento resumo de impacto mediático (como ferramenta de apoio á campaña electoral).

e. Conformación do órgano de coordinación do Grupo de Traballo de Programa.
Será un grupo de traballo amplo, formado por:
– 1 persoa por cada marea sectorial ou temática favorecendo unha participación en igualdade (2 pola Marea Feminista).*
– 4 persoas (2 mulleres e 2 homes) polo grupo de traballo de Relato.*
– 4 persoas (2 mulleres e 2 homes) polo grupo de traballo de
Comunicación.*
– As 14 primeiras persoas candidatas da Marea Atlántica ao Concello da Coruña.
– 4 persoas (2 mulleres e 2 homes) polo grupo de Mediación* (participantes na dinamización do encontro aberto de traballo, punto 12b). Serán encargadas da facilitación do proceso de traballo do grupo.
– Unha vez constituído, o Grupo de Traballo de Programa, poderá incorporar, con voz e sen voto, as persoas que considere necesarias para cubrir áreas (sectoriais ou barriais) non tratadas até o momento polas Mareas da Marea Atlántica.
(*) As persoas selecionaranse preferentemente por consenso dentro dos grupos, acudindo, de non ser posible, á votación por maioría simple. En caso de non existir algún dos grupos no momento de conformación do grupo de traballo de Programa, faríase a selección entre as persoas que conformaban dito grupo antes da súa disolución.

f. Participación de persoas externas á Marea Atlántica na elaboración do programa definitivo.
Segundo o establecido, producirase a través da participación no Encontro Aberto á Cidade, e na fase de achegas e validación do programa.

14. Referendo

a. Referendo final do programa participativo.
Na fase de validación do proceso o borrador do programa someterase a exposición e valoración públicas.

b. Votación do programa definitivo.
Todas as mareantas, as persoas asinantes do manifesto (presencialmente) e as persoas participantes no Encontro Aberto á Cidade votarán o programa.

c. Elaboración do censo do programa definitivo.
A cargo do Grupo de Traballo de Programa.
Elaboraríase seguindo as indicacións anteriores e pecharíase o 22 de marzo.

15. Áreas

a. Áreas temáticas do programa.
1. Radicalización democrática: liberdades, transparencia e participación cidadá..
2. Modelo territorial e urbano: medio ambiente, medio rural¿?, vivenda e mobilidade.
3. Xustiza e cohesión social: dereitos sociais, atención á diversidade e servizos públicos.
4. Modelo económico e enerxético: emprego, investigación, consumo consciente…
5. Cultura, memoria e identidades: educación, cultura, deporte…
A igualdade de xénero considérase un eixo que transversalizará todas as áreas.

16. Presentación do programa electoral

a. Presentación pública do programa electoral.
Segundo o estabelecido anteriormente, o programa será presentado publicamente polo Grupo de Traballo de Programa, o día 13 de abril.
A presentación pública contará con todas as persoas candidatas da Marea Atlántica ás eleccións.
Elixirase un formato acaído á presentación colectiva, con presenza de prensa e apoio dos medios telemáticos correspondentes (streaming).

Deixa unha resposta