Documento de Forma de Goberno en vigor

A continuación, o texto completo do formulario de Forma de Goberno aprobado na Marea Viva de 2014, actualmente en vigor. 

BLOQUE ELECTORAL

1. Forma xurídica de presentación ás eleccións

a. Con que forma xurídica debe presentarse a Marea Atlántica ás eleccións?

A fórmula a utilizar para presentar a candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais debe ser a do partido político, creado nas pasadas semanas, como mero instrumento para concorrer ao proceso electoral.

b. Que consecuencias debe ter esta forma xurídica con respecto á toma de decisións dentro do grupo municipal?

Nin o grupo municipal nin a Marea Atlántica deben funcionar como un mero agregado de partes independentes, senón que o seu funcionamento debe seguir a lóxica propia do espacio de confluencia, evitándose a conformación de bloques ou sectores.

c. Que consecuencias debe ter esta forma xurídica con respecto á administración dos recursos propios do grupo municipal?

Tanto a asignación mensual ao grupo municipal, como calquera outros ingresos públicos procedentes da participación electoral, deben reverter directamente na Marea Atlántica.

2. Financiamento da campaña electoral

a. Como se financiará a campaña electoral?

A Marea Atlántica aceptará, dentro da legalidade, as achegas que calquera persoa física estea disposta a facer.

b. Que achegas (tipo e orixe) está diposta a aceptar a Marea Atlántica?

Polo que respecta a persoas xurídicas, sempre tamén dentro do respecto á legalidade, aceptará preferentemente as procedentes de entidades de carácter social, así como as dos partidos políticos que conflúan na Marea. Estes procurarán achegar as cantidades que a súa capacidade lles permita, aínda que tales contribucións non outorgarán dereitos políticos.
En caso de necesitar financiamento externo, a Marea Atlántica recorrerá unicamente a entidades de banca ética e/ou cooperativa ou cun alto grao de responsabilidade social.

c. En que tipo de entidade se depositarán os fondos?

En todo caso a Marea Atlántica, e na medida do posíbel o goberno municipal da Marea Atlántica, só traballará con entidades financeiras do espazo da banca ética e/ou cooperativa ou cun alto grao de responsabilidade social.

3. Pactos de goberno municipal

a. Debería nalgún caso a Marea Atlántica apoiar candidatos/as á Alcaldía doutras forzas políticas?
Os pactos de goberno aos que poida chegar a Marea Atlántica quedarán supeditados en calquera caso ao respecto aos códigos éticos, principios e programa da Marea Atlántica

b. Debería a Marea Atlántica negociar o apoio de concelleiros/as doutras listas electorais para alcanzar a Alcaldía no caso de ser necesario? Baixo que condicións se poderían realizar estes pactos?
No caso de estar a Marea Atlántica en condicións de gañar a Alcaldía da cidade, integrará no seu goberno concelleiros/as doutras candidaturas sempre e cando se comprometan a aceptar os códigos éticos, principios e métodos de goberno da Marea, así como un programa de goberno compartido e as medidas de transparencia, rendición de contas, procedementos de decisión, etc. que se inclúen neste documento.

c. Como e quen decidiría en última instancia os posíbeis pactos de goberno posteriores ás Eleccións?
A proposición dun pacto de Goberno será responsabilidade dunha comisión designada pola asemblea xeral, en diante Rede, na que estarán integradas as persoas electas. Os termos deste pacto deben ser aprobados pola Rede.

4. Posición da Marea Atlántica no ámbito supramunicipal

a. Que relación debe establecer a Marea Atlántica con outros procesos municipalistas no noso país?
A Marea Atlántica non renuncia a participar activamente no proceso de transformación e creba democrática que está a protagonizar a cidadanía do noso país. Debe procurar o achegamento e relación, así como ofrecer o seu apoio aos procesos municipalistas galegos que compartan os seus principios, métodos e obxectivos.

b. Debe a Marea Atlántica buscar fórmulas para acceder á Deputación da Coruña se a súa forma xurídica o permite?
A Marea Atlántica debe buscar fórmulas para acceder á Deputación da Coruña, buscando que tales fórmulas potencien na medida do posíbel a súa presenza na institución Co obxectivo xa sinalado de maximizar as oportunidades de acceder á Deputación Provincial, a Marea Atlántica promoverá a agregación de votos a nivel de partido xudicial, a través da coaligación con outras iniciativas municipalistas que puidesen existir na nosa contorna.

c. Debe a Marea Atlántica buscar na Deputación Provincial alianzas que faciliten unha maioría alternativa ao PPSOE?
As/os deputadas/os provinciais da Marea Atlántica deben traballar e chegar a acordos con outras forzas políticas que compartan principios e políticas homologábeis ás nosas

d. Baixo que criterios se realizará a agregación, no seu caso, para a Deputación.

Os pactos postelectorais no seo da Deputación da Coruña seguirán os mesmos principios e o mesmo réxime que o sinalado para os pactos de goberno no eido municipal.

e. Como se decidirán os pactos (de os haber) neste ámbito?

A o igual que no Concello, a proposición dun pacto de Goberno será responsabilidade dunha comisión designada pola asemblea xeral, en diante Rede, na que estarán integradas as persoas electas. Os termos deste pacto deben ser aprobados pola Rede.

BLOQUE DE GOBERNO

5. Relación do Grupo Municipal coa Marea Atlántica

a. Como se relaciona o Grupo Municipal coa Marea Atlántica tralas eleccións de Maio?
As persoas que conformen o grupo municipal serán participantes da Rede, debendo, cando menos algunha delas, acudir sempre ás súas reunións.
O grupo municipal obedece á Marea Atlántica. A Marea Atlántica debe ser un contrapoder do grupo municipal, que fiscalice o seu labor e do que parta a iniciativa política cando sexa necesario. A actuación do grupo municipal, quer no goberno, quer na oposición, responde aos ditados da Marea Atlántica. En ningún caso, nin xurídica nin facticamente, o grupo municipal será a dirección politica da Marea Atlántica. A estes efectos, as persoas que conforman o grupo municipal non poderán coordenar grupos de traballo ou mareas de barrio ou temáticas, nin ocupar as portavocías da Marea Atlántica.

b. Diante de que outras instancias cidadás debe responder o grupo municipal?

O Grupo Municipal da Marea Atlántica responde ademais diante de toda a cidadanía. No caso de ser grupo de goberno, responderá de xeito periódico e, como mínimo, trimestralmente da súa acción diante dos mecanismos de participación cidadá que se determinen.

6. Estrutura do grupo municipal

a. Con que principios se organizaría o labor do grupo municipal ou, no seu caso, do goberno municipal da Marea Atlántica?
Responderá aos principios de democracia, igualdade, transparencia, obediencia, responsabilidade, horizontalidade, respecto á diversidade (afectiva, cultural, funcional), colaboración e funcionamento colexiado.

b. Quen tería a responsabilidade de organizar este labor?

A Alcaldía asumirá o labor de coordinadora do grupo municipal. Realizará tamén no seu seo labores de arbitraxe e mediación entre os seus membros

c. Como se tomarían as decisións?

As decisións tomaranse preferentemente por consenso. En caso de que o consenso non sexa posíbel tras esgotarse as vías precisas para tentalo, as decisións tomaranse por maioría de membros. En ningún caso o voto da alcaldía terá diferente valor que o dos/as restantes integrantes do Grupo Municipal.

d. Qué formación en materia de igualdade e xénero deberían ter ou adquirir tanto o grupo municipal da Marea Atlántica coma o seu equipo técnico?
Quen ostente algún posto de responsabilidade no Concello recibirá, por parte da Marea Atlántica, formacion en materia de igualdade de xénero e feminismos

7. Revogación de mandatos

a. Como será o procedemento de revogación de mandatos dos concelleiros/as da Marea Atlántica?
Un grupo de, como mínimo, 10 mareantes/as poderá levar á Rede unha proposta de revogación. A Rede decidirá se admitir a incoación do procedemento de revogación e, nese caso, o grupo de Mediación ou aquel que nunha futura estrutura da Marea Atlántica teña atribuídas as funcións de velar polas garantías e os principios e valores do proceso, designará un equipo instrutor de tres persoas que elaborarán un informe sobre a existencia ou non da contravención do Código Ético, e o seu alcance.

b. Quen propón a revogación?

Un míimo de 10 persoas con dereitos políticos

c. Quen debe aprobala?

A Rede en última instancia

8. Rendición de contas

a. Que sistema de rendición de contas se define para os cargos electos da Marea Atlántica?
Xa respostado: ante a Rede e ante os mecanismos de participación cidadá levado a cabo desde o goberno.

b. Diante de que instancia e con que periodicidade se realizará este rendemento de Contas?
Xa respostado: ante a Rede e ante os mecanismos de participación cidadá levado a cabo desde o goberno.

9. Participación cidadá

a. Que mecanismos de participación cidadá no goberno (democracia participativa, democracia deliberativa e democracia directa) poderían contemplarse?
Os diversos mecanismos de participación ao alcance concreto de cada decisión ou decisións. En todo caso, as decisións máis relevantes, en termos de gasto público ou de creación de modelo de cidade, ou con significativo impacto urbanístico, social ou ambiental deben ser sometidas a cauces amplos de participación cidadá.

b. Que institucións e procedementos se crearán para permitir estes niveis de Participación?
A aprobación do Pleno do Concello da Coruña, nos primeiros 100 días de mandato, unha reforma do Regulamento Orgánico e do Regulamento de Participación Cidadá, para deseñar as institucións e procedementos que permitan un verdadeiro goberno democrático, participativo e descentralizado da Cidade.

c. Cal é a función dos órganos da Marea Atlántica no goberno da cidade?

A estrutura terá como liña fundamental a consolidación e a extensión das Mareas Barriais e Sectoriais, para que funcionen como transmisores de abaixo a arriba dos desexos políticos da cidadanía. As mareas barriais e sectoriais son, e deberán seguir sendo, o pulmón da Marea Atlántica.

10.Contratación Pública

a. Que criterios de responsabilidade social se terán en conta para a contratación Pública?
Priorizaranse os concursos abertos, utilizando o procedemento negociado só con carácter excepcional e extraordinario. Alá até onde a normativa reguladora de ámbito superior o permita, nos Pregos de Condicións incluiranse criterios de valoración en relación a, entre outras, estabilidade, dignidade e xeración de emprego, igualdade de xénero, xustiza social, sustentabilidade, e recoñecemento aos sectores productivos sociais e locais.

11.Transparencia

a. Que mecanismos de transparencia articulará a Marea Atlántica?

Marea Atlántica comprométese a presentar diante do Pleno do Concello da Coruña un Regulamento de Transparencia que regule o acceso á información por parte da cidadanía.

b. De que maneira disporá a cidadanía de información?

Toda aquela información que non estea protexida pola lexislación de protección de datos ou que se declare reservada por lei.

c. Que tipo de información se fará pública

Publicará a información relevante para que a cidadanía poda controlar a acción de goberno. Particularmente, as axendas dos/as concelleiros/as, incluída a da Alcaldía, os relativos á contratación pública, as declaracións de bens e actividades dos/as concelleiros/as, etc. serán dadas a coñecer tanto na web institucional como por outros medios ao seu alcance.

d. Deben ser públicas ás contas da Marea Atlántica? Onde deben facerse públicas? E en tal caso, con qué periodicidade?
Ademais, as contas da Marea Atlántica deben ser públicas. A estes efectos, trimestralmente a Marea Atlántica publicará as súas contas na súa propia web.

e. Debe ser pública a axenda do equipo municipal?

Si. Xa respostada.

Deixa unha resposta